
NATURAL E COSMOPOLITA
Benvida/o a Vigo
Con 300.000 habitantes, a cidade de Vigo é a cidade con maior poboación de Galicia. Asemade, a súa área de influenza abrangue máis de 500.000 persoas. A forza industrial e económica da Comunidade está en Vigo. Primeiro porto pesqueiro de España, pode anotar no seu currículum os méritos de ser a base da maior frota de altura de Europa, con barcos que faenan en todos os caladoiros do mundo. A natureza é o principal aliado desta cidade, que se atopa nunha contorna sen igual. A cidade aséntase sobre ladeiras que descansan ao pé dunha fermosa baía, a Ría de Vigo.
Vigo posúe unha ampla oferta cultural, gastronómica e de lecer, que se complementa coa beleza da costa e do campo, salpicado de vestixios de épocas pasadas. Dado que Vigo creceu unida á auga, é natural que o casco histórico se atope xusto aos pés da ría.
Excursións
Dende a cidade, vostede pode emprender numerosas rutas para coñecer a contorna. Dende as espectaculares Illas Cíes, ata a milenaria Santiago de Compostela, sen esquecer as saídas para visitar xoias como Baiona, Pontevedra ou Tui, tamén pode coñecer Portugal, o noso veciño e irmán.
Destinos
Illas Cíes | 40 min (barco) |
Santiago de Compostela | 72 km |
Pontevedra | 21 km |
Baiona | 35 km |
Porto | 149 km |
Tui / Valença | 35 km |


Un paseo por Vigo
Vigo é a maior cidade de Galicia, pero é posible coñecer gran parte do seu pasado, presente e futuro nunha ruta dunha hora a pé.
Vigo respira dende o seu Barrio histórico, a súa carismática zona vella: un pequeno pobo no medio dunha cidade industrial e bulideira. Un proceso de rehabilitación, que aínda está en curso, permitiu devolver gradualmente a vida veciñal a este fermosísimo barrio de carreiros e rúas que reviran cara o mar. Pasee polas rúas de soportais con casas que contan con escudos de armas dos séculos XVI a XVIII, e, se lle presta, entre nunha das numerosas mariscarías e casas de vieiras e ostras. Aínda que o lugar máis famoso no tocante á cata das ostras é A Pedra, onde a xente afirma que se poden comer as mellores ostras do mundo.
O Ensanche é o Vigo señorial, no que ergueron as súas vivendas os conserveiros que forxaron a cidade moderna no século XIX: edificios emblemáticos que aínda se poden admirar, paseando tranquilamente polo centro de Vigo. Unha visita obrigada son os arredores de Montero Ríos, co Parque da Alameda, arrodeado de elegantes edificacións de pedra con fachadas impoñentes. As súas rúas peonís son perfectas para pasear en familia e chegar a pé ata a ría de Vigo. A ría adéntrase no Ensanche a través do porto deportivo do Real Club Náutico, cuxa sede é un orixinal edificio-barco.
Se desexa ver a mellor vista de Vigo, suba ao Monte do Castro. Sitúase na zona máis elevada da cidade. Non se trata do clásico xardín urbano, senón dun fermoso monte xusto no corazón de Vigo, que constitúe o punto de orixe da cidade, alí onde se asentaron os seus primeiros poboadores. Se lle interesa a arqueoloxía, na ladeira máis baixa do monte pode visitar o seu xacemento castrexo e ver como era a vida en Vigo entre os séculos III e I a.C.